O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela organiza anualmente un Simposio sobre un tema de interese científico, en que se convida a intervir a investigadores/as das universidades galegas, da península, europeas ou americanas. O Simposio que tocaría celebrar en 2020 tivo que posporse, debido á situación extraordinaria creada pola pandemia mundial e por tal motivo celébrase neste ano 2021. O tema proposto para este Simposio pon o foco nos procesos de estandarización, e conta para a súa realización coa colaboración da rede ECLE (
Estandarización Comparada das Linguas de España). Coma sempre, no centro do Simposio está o idioma galego, pero ofrécense referentes comparativos, tanto con linguas en situación subordinada ou en proceso de normalización, canto coas linguas da contorna máis próxima e cun parentesco máis estreito.
Nalgúns casos trátase de presentacións que ofrecen un estado da cuestión da estandarización, os seus problemas e as súas perspectivas, noutros son intervencións que botan olladas diferentes e novas sobre o estándar e os procesos de estandarización e os distintos modelos de construción do estándar, ou ben que sinalan novas vías de investigación: coma tal, a reconfiguración dos repertorios e rearticulación da arquitectura dos sistemas lingüísticos (monocentrismo/pluricentrismo) e as súas consecuencias, as tendencias cara á des-estandarización, ou mesmo sobre as problemáticas de tipo social, ideolóxico ou identitario que se relacionan co estándar e a estandarización. Un dos aspectos máis innovadores son as olladas comparativas entre distintos procesos de estandarización.
Tendo en conta as condicións extraordinarias que estamos a vivir, o simposio realizarase mediante intervencións gravadas e posteriores coloquios/debate en liña, aínda que contará tamén con dúas sesións presenciais que se celebrarán no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía e que serán transmitidas en directo.