O inglés supera o galego como idioma das teses de doutoramento que se fan na Universidade de Santiago, pero segue aínda lonxe da rotunda maioría que posúe o castelán, con algo máis do 64% do total. Con todo, o galego rabuñou nos últimos vinte anos unha presenza de seis puntos, até acadar o 13,78%.
A maioría dos alumnos que se licencia na Universidade de Santiago elixe o castelán ou o inglés para as súas teses de doutoramento
O castelán segue sendo a lingua predominante das teses de doutoramento na Universidade de Santiago, malia un continuo afianzamento do galego:das 214 teses lidas en 2010, 137 realizáronse en castelán (o 64,01%), fronte ao 13,78% en galego, o 7,24 do portugués ou o 15,95% do inglés. O inglés, que supera ao galego, adscríbese a teses presentadas en departamentos de ciencias da saúde e en ciencias puras.
A evolución do uso dos idiomas, segundo un traballo de Isabel Vaquero, do Servizo de Normalización da USC, dende o ano en que comezou o programa de axudas ao emprego do galego nos traballos de investigación iniciais, 1994, hai unha diminución do castelán, pero moi pequena respecto do galego: o inglés foi o idioma máis beneficiado desta cesión.
Na década dos 90, a media de uso do galego foi do 7,06% e na primeira década deste milenio foi do 11,57%. Porén, segundo a analista, existe un grao de fidelización moi elevado ao uso do galego.
Malia os doutorandos e doutorandas contaren con axudas que incentivan “o uso do galego por parte da USC, o certo é que non deben resultar moi coñecidas”, punta Vaquero, xa que só 11 das teses defendidas na nosa lingua en 2010 solicitaron as subvencións de ata 400 euros ou o correspondente asesoramento lingüístico e terminolóxico.
Igual ocorre cos incentivos a outros traballos de investigación (fin de mestrado, traballos de investigación tutelados e memorias de licenciatura): De 771 traballos de fin de mestrado, houbo 9 axudas solicitadas; de 50 memorias de licenciatura, 4 axudas, e de 555 TIT, só doce.
Font: Galicia Hoxe